Compostela, xaneiro de 2009. ADEGA quere facer balanzo do acontecido en 2008 dende o ponto de vista ambiental e expresar as nosas expectativas para o 2009. Na pasada lexislatura aprobáronse leis de trascendencia ecolóxica como a da paisaxe, a da minaría, de montes, a de residuos ou o canon hidroeléctrico. Está por ver se o seu desenvolvemento en 2009 farase ou non de xeito sustentábel. A experiencia con outros planos no 2008, quer o Acuícola, o de Instalacións Náutico-deportivas, de Infraestruturas de Comunicación ou o Eólico, amosa que as cuestións ambientais seguen supeditadas a intereses políticos (caso dos muíños, as estradas ou o AVE) ou mesmo empresariais, como as piscifatorías ou portos deportivos. En resumo: demasiada improvisación e publicidade, poucos avanzos e políticas transversais. |
|
 30 de decembro de 2008. ADEGA súmase ao chamado urxente de organizacións da sociedade civil galega, como o Seminario Galego de Educ. para a Paz, a Iniciativa polos DD.HH., Galiza por Palestina, Coordinadora de ONGDs, o Foro da Inmigración ou a Fundación Araguaney para participar nos actos de solidariedade e apoio ao pobo palestino, de indignación e protesta pola barbarie sionista, de reclamación de medidas por parte da comunidade internacional, especialmente da UE, para que se obrigue a Israel a frear esta ofensiva militar que vulnera a legalidade e as resolucións da ONU. Pica para ver máis actos en Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lugo, Ponteareas...
|
|
29 de Nadal de 2008. Dende hai 8 anos, ADEGA entrega os premios OSÍXENO e DIOXINA para subliñar á millor e pior actuación ambiental do ano. Premio OSÍXENO á millor actuación/actitude ambiental do 2008: -Categoría colectivo: Coop. de cultivo ecolóxico Raíña Lupa (Quilmas, Carnota). -Categoría individual: ao veciño do Courel Xan de Vilar. Premio DIOXINA á actitude ou actuación máis agresiva e insustentábel: -Categoría colectivo: ao trío ENDESA-FENOSA-IBERDROLA. -Categoría individual: a Jorge Santiso, sec. xeral da consellaría de Medio Ambiente e presidente de Augas de Galiza. |
|
26 de decembro de 2008. Adxudicar os MW co plano do PP vixente compromete o desenvolvemento sustentábel do sector. Dende ADEGA queremos manifestar o noso rexeitamento á adxudicación de 2.290 MW do concurso eólico que vén de facer Industria, sen ter antes modificado o desastroso Plano Eólico do PP aínda vixente. A redacción dun novo Plano Eólico con criterios de sustentabilidade, participativo e incardinado nunha política enerxética que prime a suficiencia, a eficiencia, o aforro e a reducción das emisións de GEIs, debería ser previo á concesión das licenzas de explotación. Abrir a poxa denantes de aprobar unha nova planificación sectorial e sen diálogo previo constitúe un grave erro. Alegacións PLANO EÓLICO (32 KB)
|
|
Compostela, 21 de Nadal de 2008. Desde hai anos, ADEGA vén desenvolvendo campañas relacionadas con diversos aspectos do Nadal: “Neste Nadal... os meus agasallos sen pilas” ou a “Carta das raíñas magas” foron algunhas das iniciativas que invitaban a reflexionar sobre a importancia da contención no consumo no Nadal. Con este caderno queremos achegar aos Fogares Verdes unha lectura reflexiva nestas datas nas que o consumismo parece convertirse na motivación principal das celebracións. Xuntanzas para celebrar unhas festas nas que os curtos días convidan a longas ceas e xantares, nas que se intercambiar agasallos e onde a solidariedade e a paz parecen estar presentes. Porén, as cegadoras luces destas celebracións (que ben poderían chamarse as festas do consumismo) impidennos ver o seu alto custo ambiental, económico e social. Baixa o caderno NADAL VERDE (2.8 MB) |
|
Compostela, 17 de decembro de 2008. Os ríos galegos experimentaron un empeoramento tanto no estado de saúde como na calidade do bosque de ribeira. O Proxecto Ríos, iniciativa promovida por ADEGA, presenta o Informe 2008 sobre o estado de saúde dos ríos galegos. No informe preséntanse os resultados das análises efectuadas nas campañas de primavera e outono, polos distintos grupos de voluntarios/as ao longo de todo o país. O Informe Anual permite aproximarnos ao estado de saúde das diferentes bacías a partir de determinados indicadores empregados. Podes descargar eiquí o INFORME RÍOS 2008 (4.62 MB) completo. |
|
Pontevedra, 15 de decembro de 2008. A ubicación que se propón para este campo de golf no Monte Xiradella afectará a un ecosistema de grande importancia, protexido por diferentes figuras legais e administracións: é Zona de Especial Protección Para as Aves (ZEPA-UE), Lugar de Interese Comunitaria (LIC-UE), Humidal de Importancia Internacional (Convenio Ramsar), Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (Xunta de Galiza), e Humidal Protexido (Xunta de Galiza). |
|
 13 de decembro de 2008. A Xunta vén de declarar Paisaxe Protexida 212 Ha dos Penedos de Pasarela e Traba (Vimianzo e Laxe). Non é sen tempo: en marzo de 2006, o Parlamento aprobou unha proposición para que este espazo tivera "cantas medidas foran necesarias para manter a súa integridade e a do seu contorno". Nestes 2 anos só o compromiso de colectivos cidadás, culturais e ecoloxistas impedíu a desfeita con varias canteiras apoiadas polo alcalde de Vimianzo - "pedras son pedras"-. Falta agora que a declaración non fique en papel mollado: cómpre un plano de conservación e xestión con orzamentos reais, e veremos se canteiras e eólicos non impoñen o seu "interese público". |
|
Lugo, 12 de decembro de 2008. Comuneiros das comunidades de Guitiriz e Parga e xunto á alcaldesa de Guitiriz e a presidenta de ADEGA subímonos ao tren até Lugo para reivindicar o mantemento da estación de Guitiriz para os comboios de longo percorrido. Entretanto, a estación de Curtis e Betanzos na liña Ferrol-Barcelona fican abandoadas. Semella que estación chairega vai ser respeitada mais só para o tren a Madrid; a liña de Barcelona xa non parará. Mais a loita continúa polo mantemento e a restiitución dos servizos por ferrocarril en toda Galiza.
|
|
 Neste 10 de decembro fanse 60 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Foran asinados como reación da humanidade perante os horrores 2ª Guerra Mundial. Non estamos agora na mesma situación de guerra aberta e declarada a nível mundial, mais a Paz tampouco é a característica dos nosos tempos. Irake, O Congo, Sudán... e un longo etc. amósannos como as guerras e as persecucións de inocentes, da xente corrente, non faltan no mundo. Máis ainda, hai unha guerra permanente, soterrada contra o noso Planeta. Un artigo de Adela Figueroa, Presidenta de ADEGA |
|
|
|
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
|
| Resultados 1 - 18 de 588 |